Mirador de Femés

De onde trae a loucura o vento 
 e a onde a leva?

É a loucura á que se lle ocorreu por primeira vez 
a fronteira 
non para pór aranceis 
-ela sempre obtén réditos-
 mais por abdicar da súa condición nómade. 


A loucura non fica 
comigo pero franquea
a entrada do vento neste paso onde
-coma min- 
quen non mira atrás mira abaixo
porque non hai adiante 
nos días de calima e febreiro. 

 
Eu non fico 
coa loucura pero deixo que me acariñe 
a cara con unllas rotas 
coma unha aduaneira cega e xenófila. 
Miro ao sur
aínda que non albisque nada
porque procuro agora o centro
desmagnetizado xa o norte.