Pietà

Voracidade adiante
a dos cemiterios. 
Lambendo tórax desde dentro ata que o umami prenda a chispa dese fogo fatuo. 

Atrás
fiquei de min mesma
fitando o lume falmaguento
o festín que me desvestía. 

Non recordo a primeira vez que esquecín o corpo:
antes fun besta. 
Turra dos meus cabelos e ponlles nome de nó mariñeiro
ou afina un arco para movelo no aire e ovacionarte.
Pensareime ingrávida se me cegas 
e desposuída do meu momentum
do movemento cara todo aquilo que pulcramente resume a comorbilidade. 

Mais atrás fiquei desta vez
arriba
fitando. 

Difícil expulsar as mans do expedicionario, petróleo por poros, 
estrías para facer encallar os barcos, desta antártida que se enquista, que non sangra. 

Difícil foi encapsular a misántrópica marabunta nada gregaria, 
esa personalidade langosta larpeira sen ás, sen ás, sen ás, 
que devora o pútrido 
sen devir crisálida. 

O pozo, mentres me miro, prendido corpo de brea, 
aceso para a lactancia coa electricidade que enxendra o castigo. 
Nos anos nos que adopta a polaridade do amor a chaga
pode recoñecerse Mishima ante o San Sebastián, 
ante a saeta
podo recoñecerme eu ante Rent Boy, 
ante a agulla. 
Ante cada cousa con elos tan flexibles coma para mirrar arriba
-a corda da respiración ténsase e coa respiración: vibrato, lento, estertor-
e se mirar adentro.
Mais os meus ollos están aquí comigo, 
arriba e atrás de sí:
ocupando á fin o asento do xuiz ao que imploras mártir. 

Terei piedade de min?
Quero para algo este corpo agora que posúe
tan travertina densidade coma lixeireza?
Ou alguén comprobará o meu pulso
e fozará -a man: o puño-
será espeleólogo no canón e galerías ennegrecidos no proceso de drenar a melancolía 
e acubillar os queimacasas albinos de coiraza branda?

Por moitos ídolos que aperte -acacias- 
cando xa tiven prata coa que pagar o ouro;
por moito que visite habitacións de cabezas felices, alpargatas de coiro e esparto, candeas en botellas verdes;
por moitas formas que tome dentro desta esponxa o incenso
segue tendo o eco e a onda exacta daquel templo no que se preconizaba a preciosura do orgánico. 

Volvo ao corpo, xa pulido, 
regreso aos favores da fascia, 
podendo trocar en baquetas as tibias e extender o ventre seco para facerme un tambor. 
Chamou por min en ritmo e prometeu tratarme coma traballado á man o alabastro. 
Tensa e tenra -tendón-, coma novo arco. 
Tenra e tensa -gorxa-, coma saeta antiga.

Tras a marabunta mineira
recolección de xiróns, porque só o inflamable brilla, logo, foi valioso:
de arriba e atrás, cara o centro.