Que palabra pode axitar o veo
sendo esta unha tristura ágrafa?
Aínda recibo cartas
e recordo tremores e conversas nun hospital de Bizancio
contra todo desexo.
Desexo contra todo
neste xardín de estatuas
efixies dun culto de rostro sen cincelar.
A deusa siria, o touro mitraico, o misterio eleusino
recibo na boca o sangue, o pan...
Queres hoxe ser o meu hierofante?
Queres apertar este desexo sen voz?
Queres cinguir esta coroa do loureiro silvestre e dourado
a cambio, só apenas, de uncirme de indiferencia?
Non son así os deuses?
Descúlpanse pola súa gramática
por non teren un xesto apócrifo.
Contra as radical honestidade dos deuses: a exexese.