boca arriba o cadáver
que extraño é concibirme coma un cadáver boca abaixo
atrae un cadaleito que ferve
aínda con ollos e sen óbolos
un autobús camiña sobre o mar máis preto do ceo
mais eu fico agora na beira
vexo:
un outono afumado que zoa amarelo
un canto que me acariña coma se a suor fose mel
unha tranquilidade industriosa
un traxe a medida que se cerne sobre este corpo
a maior gloria dos xastres que
coa paciencia característica da lonxevidade militante de calquera especie de artrópodo
os van tecendo e destecendo
respectivamente
pesa o sudario de patiñas
de ás esquecidas porque esta masa que se abandonou á ferida da beleza
é ben alimento e razón abonda para 31 días máis de vida
intégrame procurando o centro e eu abro as portas dos salóns fechados
porque o ceo si é o teito do diván definitivo
redensifícome
así o corpo recórdame a bipedestación
a teima das cadeiras por castigar os xeonllos
o seu pecado foi facer oscilar este centro de gravidade
neurotizalo
patoloxizar o seu amor polas capas nucleares da terra
esta nova densidade absoluta á que deixou paso a aparente puxa
e son agora metralla dunha guerra sen deserción nin triunfo pírrico
a prístina magnitude na que se mide a historicidade do abandono
o meu nome