Cando me sumei á auga,
tampouco me ataches a ti co meu nome.
Fíxeno tan amodo, tan sublime;
e mira que puiden pero non quixen
esvarar danzando contemporáneamente sobre ela
sen lle tentar nin a superficie,
que continuaba a intercambiar miraxes,
as que ti querías.
Podería encrabarme no teu retrato acristalado
coma un coitelo que non deixa gretas,
coma o que ti gardas ás costas,
e ser outra lámina de prata na que pulir o teu xeito de mirarte;
porque non me enferruxa, só me afina,
soster o peso dos teus ollos,
cega coma unha balanza.
Mesmo así, sendo eu leve, lene,
un corpo de auga, pouco máis nada,
adiantas
a idea da onda,
da pegada,
da fractura.
Eu non tremo mentras ti si temes
e me proxectas sólida;
un bólido nunha atmosfera que o disolve de beleza mentras só se sinte violentada.
Se o pánico non fora hidrófilo...
pero caes
e por facer pé
non morres
mais crebas
o continente que me contiña
reflectante sempre
blindada en aparencia
contra carraxes que guindaches coma orballo.
Tornas torrencial agora e permanezo líquida;
esvaro pero non agardarei a unha forza de magnitude hidrófoba.
Máis adiante fareime lama e noite
navegarán sen brúxula pitacegas,
asinaránse indultos para sambesugas
e lamberame o lombo lúa coa mesma xustiza
coa que che visto cada poro
coa que che enxugo cada bágoa
sabendo ben porque a choras.
Por qué non vas ao mar, que non retorna nada ao mesmo lugar do que o toma,
que non devolve senon a cor mutable do que é, Narciso?
O mar cuxa furia si é ecuánime.