Manifesto da ternrura radical: contra a necroeconomía

A tenrura, eu, quixese ser a pantasma que percorre Europa, Asia, América do Sul... porén, para iso preciso as bocas abertas cara o infinito e as mans e os brazos que desexosos de poñer a suor súa ao servizo da partenoxénese. Escoito o seu clamor dos continentes mais permanecen coas bocas fechadas. 

Eu, a tenrura, expulso do meu reino futuro aos rebeldes de hoxe porque milito só na utopía ou na morte. E namentres, percorro coma unha cascuda que sobrevivirá a todo as veas daqueles que sinten a miña ausencia, coma un arado. Son buguina que fará fortes os beixos futuros de quen me acubilla na gorxa e me agocha entre as amígdalas, cada falante de xhosa. Son o corpo dunha afogada que volve á vida coa marea baixa e que chegará á praia viva grazas á epinefrina que inoculan fanecas e ourizos mentres centolas, quiemacasas, santiaguiños, lapas, nécoras, camaróns da ría resolven dentro dos seus exoesqueletes ecuacións de 3º grao e, sen saeta e sen cadaleito, traen o meu corpo ata a beira. Pero non estou no berro egoísta nin nos beizos acesos dos amantes anarquistas. Sangue sen amor. Revolución contrafacta. Son os terroristas das cidades nas que non se practica unha soidade sonora, nas que a noite non escurece e non deixa ventilar as casas dos almanaques amarelos, nas que a contemplación do meu cadáver é unha abxección que só sofren os estómagos nas morgues. E, como a  protocadáveres, amortallan os corpos dos amantes, destas entidades de taxonomía borracha, nun pranto histérico, masturbatorio, sen aniversario nen alivio. 

A tenrura, eu, estipulo, que non se actuará no me nome dentro da caverna, que non se actuará no meu nome no rapto de Eros, porque Eros ten un colar de coiro e está cos ollos moi abertos aprendendo shibori aquí comigo, neste cuarto minguante de aluguer e dioptrías inflaccionistas onde sobrevivo. Ese voso non é Eros. Eu, a tenrura, son a discípula da Filia e mesmo de Ágape, que mantañen os domingos ás sobremesas tensos debates que se desmigallan sobre a mesa en cóxegas de pan e miolos moldeados para o seu propio momentum conservado prístino. 

Eu, a tenrura, son filla da fenda coma unha buguina é filla da furna e desenvólvome en progresión aúrea todo o que a homeostase deixa. A fenda é aquilo ao que non se lle escribiron odas abondas. A fenda non é un poro, ou o canal do tímpano, nin a posibilidade da conca baleira dun ollo ou do leito estertóreo dun río na savana. Non cabe a túa presenza, nin  todo o o que se come nin todo o que se reza. A fenda é simplemente o meu punto de fuga, contido, ata o dominus dei no verán coma a fervenza do Ézaro, obrigada parir con canta dor tanta plusvalía.