Manifesto da tenrura radical: Prólogo


A Teté, a miña vívora, a miña loba.

Hoxe, no día da tristura química e prescrita, decidira saír da casa e levar este corpo á braña e ler acubillada aos pés, ás raíces dos aveneiros, ata que ahumidade dos seus me penetre os ósos mentres as pitacegas patuxan antre as rodas rotas dos muíños. Mais pensei naquela outra emoción que emerxe coma as mámoas agroman neste val e que é máis sólida e máis perdurable que a brétema desta melancolía, fría, si, pero cunha capacidade erosiva que precisaría das miñas mil vidas para desfacerme sequera un pouco. Esa emoción é a que se manifesta, non despuntando, senón pichando e pulsando a través da fenda. Non en balde, no día  no que oscilaban as miñas escápulas mansamente entre os polos irmáns da catatonia -rixidez intelectual- e a oligofrenia -un fluír de cada líquido, cada plasma, dos que me caben-, o que gorentaba eran as machetas dos veciños e moreas de leña de carballo, retorta e sen fender, á que abrirlle galadas coma as miñas ata compilar as teselas con orde debaixo da uralita e deixar que o aire do verán lles lamba as punxentes folerpiñas. Pero todo o mundo no val ten a tarefa feita, todo o mundo antes de vivir o verán non tivo que pensar na invernía, só eu, que imaxino as estacións coma cabezas nucleares que atopa na súa dixestión o uróboro. Aquí, a preparación para o inverno fai parte da alegría da primavera: con esa premisa foden as as moscas agora mesmo sobre o caderno. 

Este é, logo, o manifesto insospeitado da tenrura radical e aguerrida, escrito na eira mentres chuvisca da cor do pole e a xalea ou os paxaros excretan néctares doces porque adiviñan un déficit de azucres e polialcoles semifermentados. O manifesto da tenrura escríbese cando esta se atopa case en fase terminal e non ten máis opción que autoafirmarse porque o scriptorium -a eira- é o único lugar onde a morte é para os mamíferos, aves e invertebrados un aloumiño máis e onde á mamífera non se lle impón a máscara, que non permite ás bágoas abrollaren libres, nin limpar a atmosfera, nin salgar de súpeto o pé máis ben acidulado das herbiñas e as carqueixas. 

Así, a tenrura, que só pode despregar a súa certeza sen a máscara, tómame na miña soidade, como as raias toman a pel dos tigres de ternura, para auspiciarse desde estas tripas coma un horizonte futuro ou reclamar a oportunidade de fabricarse un fermoso epitafio.