Aprehendido (participio: aspecto perfectivo)

 Diario case esférico:

Venus posúe unha superficie volcánica, amartelada pola indelicadeza de Vulcano como a súa etimoloxía parece indicar, ou xurdida como reacción contrafóbica á mesma, todo vértices. A súa presión atmosférica é 90 veces superior á da Terra, nada sólido, nada vivo, pode mirar cara arriba, e a súa órbita é elíptica, aínda que con apenas una excentricide do 1%. Autodisciplina e ningún satélite. 

A beleza non mingúa:

redensifícase ata a gravidade extrema. 

Desde experimento a mostra é necesariamente pobre. 

A resistencia a ser sostida polo dedo que lle explora as galadas

que nin admiten grade 

nin chafarices de transparente púrpura

explica esa castigadora atmosfera. 

Nela ata os cans que para sobreviviren na aridez

lle veñen lamber a suor sulfhídrica 

acaban co fuciño apertado contra o malpaís. 

Escoitan como o lombo dela 

ao lentor extremado das auroras e solpores de habelenciosos dedos 

se estrica e se comprime. 

O cánido respira mais non ule a poeira

da babuxadiña tenra non brota nada. 

U-los océanos?