Apousa o sol sobre o marmelo
con máis tenrura que sobre o lombo da becerra?
Quere un coa súa morbidez coagulada
ser o punto de fuga para a perspectiva cónica
que algún renovador nimbado de futuro
adopte para a súa natureza morta?
O marmelo engruña a súa pel baixo a primavera
máis inapentente que escasamente apetecible.
Observa outras froitas seren mordidas,
outras que gardan menos xugos, menos azucres,
que ostentan menor volume para brindar ningunha sabedoría.
É sabedora esta mordente dos aromáticos matices
que poden chegar a exprimirse deste sol introspectivo virxe
á espera, á espera, á espera, sempre, á espera,
dun Van Gogh ben orellado con estudos de aritmética?
Exquisitos, fedorentos, coma cando o naufraxio da biblioteca.